Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta achega 340.000 euros para axudar ao funcionamento de 175 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia


Por provincias, 110.675 euros irán a asociacións da Coruña, 100.097 para Ourense, 67.913 para Pontevedra e 61.313 para Lugo

A edición de hoxe do DOG publica a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

En total, achegaranse 340.000 euros ás agrupacións de 175 entidades locais, 173 de concellos e 2 das mancomunidades do Ribeiro (Ourense) e Val Miñor (Pontevedra). Por provincias, a máis beneficiada foi a da Coruña con 57 asociacións e 110.675 euros. Síguelle Ourense, con 55 asociacións e 100.097 euros; Lugo, con 33 asociacións e 61.313 euros; e Pontevedra, con 30 asociacións subvencionadas cun total de 67.913 euros.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas Asociacións de Voluntarios de Protección Civil nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Así, as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros.

Para a concesión destas axudas estudáronse unha serie de criterios obxectivos de avaliación como son o número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias, a ratio de voluntarios por cada mil habitantes, o risco potencial de emerxencias -establecido polo Platerga-; ou a antigüidade e a atención da AVPC ao servizo 24 horas, por exemplo.

Estas axudas súmanse a outras concedidas recentemente aos concellos que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, co obxecto de dotalos de mellores medios materiais. Para este fin a Vicepresidencia investiu máis de catro millóns de euros cos que se repartiron 41 furgóns e aos que proximamente se lle sumarán outros tantos todoterreos, 41 remolques de emerxencias, 33 esparexadores de sal, 18 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate e 20 carpas presurizadas cos seus remolques.